“Aprender a pensar coa biblioteca escolar”

CARTEL_17_WEB

Recollemos a continuación o texto publicado pola páxina de Bibliotecas escolares sobre o lema que propoñen para este curso escolar:

“Aprender a pensar coa biblioteca escolar” é o lema escollido para os materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita a comezos do curso 2017/2018 con destino ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. O ilustrador Xosé Tomás foi o encargado, nesta ocasión, de realizar a interpretación gráfica do lema anual.

A experiencia de Xosé Tomás como profesor de inglés no CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), centro que conta cunha biblioteca moi activa, sen dúbida está detrás da amplitude de posibilidades que imaxina na súa recreación gráfica.

Atender a biblioteca escolar do centro supón, para comezar, o reto de deseñar un espazo no que poidan pasar cousas. Un espazo que acolla a todos e todas e que mesmo (como na ilustración de Xosé Tomás), teña a capacidade de “abducir” as persoas usuarias, de trasladalas a situacións gratas de aprendizaxe. Seleccionar os materiais, organizar os recursos, facilitar o seu uso e organizar as actividades para a biblioteca escolar son tamén actuacións que, segundo o enfoque e o criterio co que se realice, poden facilitar ou dificultar esas aprendizaxes posibles.

Unha biblioteca escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a “aprender a pensar”.

Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos para desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.

Nese camiño, nós comezamos por incorporar á nosa biblioteca novos materiais lectores aportados polo departamento de Filosofía. Trátase de obras que poñen en xogo un talante crítico e contracorrente moi de agradecer nestes tempos de conformismos despreocupados e egoístas. Son novelas e ensaios que nos axudan a repensar-nos e a repensar o entorno no que vivimos para cuestionalo e, na medida das nosas posibilidades, para tentar cooperar na construción dese outro mundo posible e necesario…

IMG_20171016_103232

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: