Comicón de Moaña

emotionheader5623587

Recollemos a continuación -con pequenas modificacións- a crónica da Comicón de Moaña publicada pola nosa compañeira Eugenia en varias entradas do blog “Lendo nas Barxas”. Aproveitamos para agradecerlle a Eugenia a súa implicación e xenerosidade… con compañeiras así dá gusto traballar!;)

VENRES 12: XORNADA DE MAÑÁ

O venres 12 de maio comezamos a celebración do evento da COMICON INTERCENTROS de Moaña cun flashmob, ao ritmo da canción de Justin Timberlake “Can´t stop the feeling”, que xuntou a case 300 nenos de todos os coles e institutos da nosa comunidade educativa e de todas as idades, desde os pequeniños de 4 anos ata algúns de 2º de Bacharelato. Todxs acudimos vestidos con calzado branco, pantalón vaqueiro azul e camiseta branca co logo da Comicon impreso. Houbo un grupo de traballo de profes, organizados a través do CEFORE, que difunden os seus materiais a través deste blogue e que se encargaron da preparación, xestión e ensaios previos. No IES As Barxas, témoslles que agradecer a Lidia (toda unha experta en coreografías e xestión de grupos grandes de adolescentes ;)) e a Loli (entusiasta do baile) o seu desinteresado esforzo para conseguir que todo saíse ben. Tamén nos acompañou Charo, a nosa bibliorientadora. E no IES A Paralaia, hai que agradecer a Carmen Contreras o seu traballo co alumnado, así como á compañeira Lucía a súa participación.

A choiva tivo a ben esperar un chisco ata que rematamos de bailar, tanto na actuación das 10:30 como no segundo pase ás 12 e pico de mañá.
Foi emocionante compartir con tantxs nenxs e profes esta experiencia!!

Despois do flashmob inaugural abrimos as portas da nosa COMICON INTERCENTROS e comezaron un sinfín de actividades que se prolongaron ata as 20:00. Pola mañá houbo varios obradoiros simultáneos monitorizados polo noso alumnado dos clubs de manga: maquillaxe, origami, xogos de mesa (neste caso a cargo de Mazinger), quidditch… así como dúas ponencias, “Zombies de Call of Duty” e “Evolución do Pokemon”, tamén pronunciadas por alumnas e alumnos dos clubs de manga.

Ao mesmo tempo, tiña lugar outra charla para acompañar a exposición da historia da literatura fantástica a cargo de Urco Editora.

Outra das charlas que máis interese espertou foi a do autor de cómics Norberto Fernández, que conseguiu atraer ao seu redor a un bo número de asistentes.

Por certo, o flashmob inaugural non hoi o único baile da mañá. O alumnado do club de manga do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo tamén contribuíu coa súa participación nun Mannequin Challenge.

E, entre tanta actividade, tamén houbo remansos de paz, como os habilitados para a proxección de películas (“O castelo ambulante”, “A princesa Mononoke” e “A chica que saltou a través do tempo”) ou a sala de lectura, onde os nosos visitantes podían recrearse cunha selección de cómics cedidos pola biblioteca municipal para a ocasión.

E, por último, non podemos esquecer unha das actividades que máis éxito tivo entre pequenos e non tan pequenos: as pistolas Nerf, que tan ben atenderon os nenos e nenas dos clubs de manga de A Paralaia e das Barxas.

VENRES 12: XORNADA DE TARDE

A tarde comezou ben cedo, coa  representación da obra de Teatro Kabuki “Caperucitas” que nos trouxo o club de manga do IES Escolas Proval de Nigrán a partir dunha adaptación do texto de Roald Dahl.

Ao mesmo tempo, tiña lugar o Torneo de Pokemon no interior do recinto.

Mentres que no exterior tiña lugar a gymkana, que comezou coa carreira de cegos entre as figuras dos enormes “Titanes” (da serie “O ataque dos titáns”), seguida de diversas probas relacionadas coa cultura anime.

Ao longo da tarde, mentres continuaban os obradoiros (agora de Hama Beams), os xogos de mesa, as pistolas Nerf, o Magic, etc, no interior, continuaban as charlas no oco central do recinto: Asier Mensuro, Octavio Beares e Andrés Magán, no exterior triunfaba o Jugger, un deporte de equipo no que se combinan deportes de pelota con deportes de loita, no que participan dous equipos de cinco persoas cada un. A pelota chámase jugg e as armas usadas están recubertas de materiais brandos.

E a tarde rematou con dous concursos que contaron con dúas presentadoras excepcionais: un de talentos e outro de Cosplay (no segundo deles actuaron como xurado o noso Xabi e mais a famosa costplayer e youtuber viguesa Yumivigo).

E así rematou unha longa, intensa e emocionante xornada ateigada de eventos.
SÁBADO 13: XORNADA DE MAÑÁ

O segundo día da COMICON INTERCENTROS deu comezo cos relatorios do noso alumnado. Inaugurou a xornada Ángel Pequeño cunha charla titulada “Animes para comezar”.

 

 

Tocoulle despois a Isabel Cascante, que nos deleitou cunha charla sobre “Os estudios Ghibli”.

 

Despois Alba Rodríguez falounos de “Moda xaponesa”.

 

María Puentes instruíunos acerca da “Censura no anime”.

 

Logo Andrea Pérez explicounos as relacións existentes entre “Manga e feminismo”.

 

E por último, Cédric Piñeiro contounos unha chea de cousas sobre “A lenda do samurai”.

 

Ao mesmo tempo que se celebraban as charlas, tiña lugar o Torneo de Magic (de novo a cargo de Mazinger) na sala contigua, que comezou ás 10:00 da mañá e se prolongou ao longo de toda a tarde cunha grandísima asistencia de público participante de todas as idades. De feito, cando as mesas quedaron escasas, algúns habilitaron outros espazos para seguir coas partidas.

 

 

 

Logo de rematar as charlas impartidas polas nosas alumnas e alumnos deu comezo o obradoiro de debuxo tradicional, a cargo de Pablo José Martínez, “Orballo”, ilustrador infantil para as editoriais Galaxia, Kalandraka e Santillana e que exerceu como profe de plástica no IES A Paralaia entre 2006 e 2010.

 

 

 

Entretanto, no escenario principal o debuxante Ramón Trigo presentábanos a súa última obra, “Lobada” e despois levaba a cabo un obradoiro co público asistente, que deu como resultado unha fermosa balea debuxada entre todxs.

 

 

 

 

 

Rematou a mañá coa entrega de premios do Concurso de Cómic por parte de María, do Concello de Moaña.

 

 

 

 

Ao longo de toda a mañá estivo prevista tamén a proxección de películas e proxectos audiovisuais realizados nos distintos centros participantes na Comicon e tamén seguiu habendo cola para poder xogar ás pistolas Nerf.

Mentres pechaba o recinto principal, no Alto da Praza de abastos, ao mediodía para facer unha pequena pausa e comer, permanecía aberto o pavillón de Reibón para celebrar, igual que o día anterior, un novo torneo de Quidditch, deporte ficticio practicado por personaxes do mundo máxico na serie de novelas de Harry Potter, escritas por J.K.Rowling. Practícano estudantes de colexios como o colexio de Hogwarts de Maxia e seleccións de todos os países. A característica principal é que se xoga voando sobre escobas máxicas. Hoxe acudiron membros da Asociación de Quidditch Vigo.

SÁBADO 13: XORNADA DE TARDE

A tarde no escenario principal comezou coa presentación dos fanzines Androide Paranoide e Planeta Metamorfia.

Entretanto, na sala colindante, tiña lugar un obradoiro de debuxo manga a cargo de María Vilar e Iago Araújo, de Clases de Cómic de Vigo.

A presentación do xogo Infinity, un xogo de miniaturas que simula combates futuristas nunha contorna de ciencia-ficción resultou especialmente interesante para o público asistente. Os seus creadores e distribuidores, a empresa Corvus Belli, ubicada en Bueu, foron os encargados de explicar as características do xogo.

A continuación ocupou o escenario principal unha relatora moi especial, Yumivigo, que nos ofreceu unha charla sobre armaduras e props e como podemos crear os nosos propios cosplays.

Fóra do recinto os xogadores de Jugger continuaron durante toda a tarde practicando a súa recén descuberta nova paixón. Outros, dentro, seguían coas pistolas Nerf e co torneo de Magic.

E rematamos a xornada cun concurso de karaoke no que houbo variedade de participantes, dende rapaces que decidiron rapear composicións propias, ata outros que improvisaron coa axuda do móbil dos seus pais.

Ah, outra das nosas contribucións ao evento foi a presentación dos Podcasts realizados por alumnos e alumnas do IES As Barxas: Oito ilustradores galegos, Nove ilustradores galegos, Entrevistas a autores galegos e a Radionovela Escarlatina, a cociñeira defunta.

Por último, cómpre agradecer a presencia de stands con librerías dedicadas ao mundo do cómic e o manga, como a librería Wells de Cangas, por exemplo, e outros con distintos elementos de merchandising, como os funkos. E, por suposto, o enorme esforzo realizado polos coles de primaria na decoración do recinto.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: